lunes, 26 de noviembre de 2007


A DELEGACIÓN DE OBRAS E SERVIZOS INFORMA AOS MEDIOS:

Dende a Delegación de Obras e Servizos do Concello de Burela, compre que é o noso deber anunciar e informar sobre as actuacións que se están a levar a cabo no Concello, todas elas co único fin de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, para conseguir unha Burela máis habitable e, conxuntamente con outras Delegacións, apostar por unha vila respetuosa co medio ambiente, preparada para o futuro, e no que sempre primará a atención ao cidadán. Sirva tamén este breve resumo para dar resposta ás declaracións do Partido Popular, encabezado polo seu portavoz na oposición, gran adicto, pero pouco ocurrente, a aparecer tanto en soporte escrito como falado, denunciando unha presunta falta de iniciativa política co ser recurrente e pouco orixinal “traballo igual a cero”, e nos que actúa como un oráculo agoreiro.

As obras ou servizos que se están a executar ou a punto de executarse son os seguintes:

- ACONDICIONAMENTO DAS RUAS EIJO GARAY, CORREO E IGLESIA:
Obra xa comezada, con subvención da Consellería de Industria, completada con asignación económica do Concello. Ésta sal de partidas presupostarias de Obras e Servizos e de Urbanismo. Convén recordar que aínda que a subvención foi tramitada polo anterior equipo de goberno, o crédito correspondente ao Concello non estaba previsto nos orzamentos, o cal deu lugar a modificacións presupostarias que retrasaron o comezo da obra.
- URBANIZACIÓN DE RAMÓN BASANTA BEN:
Obra xa comezada. Englóbase dentro dunha actuación máis grande xunto coa zona do Torno e rúa do Cancelo. De por sí arrastra polémica, debido a problemas surxidos como consecuencia de que no goberno anterior había políticos metidos a técnicos. Agradecer a receptividade da Consellería de Medio Rural e así executar o soterramento do cableado eléctrico e telefónico. Para o 2008 complementarase nas rúas perpendiculares á mesma.
- SANEAMENTO EN VILAR:
Obra a punto da súa licitación, comprende o saneamento, rede de abastecemento e reposición de firme cun presuposto de 115.000 €, necesaria para dar resposta ás necesidades das vivendas existentes.
- SANEAMENTO NA ZONA DE COTOS A RIL:
Obra a punto de comezar, que consiste en saneamento e reposición de firme cun presuposto cercano aos 34.000 €.
- SANEAMENTO A CASILLA-A MAROSA:
Obra temporalmente paralizada, debido á necesidade de acometer unha modificación no proxecto por problemas atopados ao comezo da mesma. A punto de conseguir a autorización de Costas por obra en zona de deslinde, continuarase coa mesma.

- ACONDICIONAMENTE DE SENDEIROS E ZONAS VERDES:
Obra a punto de comenzar, logo de tramitar as autorizacións necesarias ante FEVE, por tocar moitas delas zona de policía da vía do ferrocarril. O retraso débese a que o proxecto non contaba con ditos permisos.
- PAVIMENTACIÓN E SERVIZOS NA ZONA DO CAMPÓN:
Aínda que o PP se apresurou a anunciar a perda da subvención englobada no POS da Deputación, dende o Concello nunca se dixo que se deixaría de facer dita obra. Consiste na reposición de servizos e pavimentación da explanada traseira do Campón. Dita obra comezará en breve. O portavoz da oposición pode explicar o motivo da súa saída de dito plan da Deputación.
- OBRA COMPLEMANTARIA DE TORRENTES:
Cun presuposto de 803.389,39 €, rematouse hai poucos días o proxecto. Afectará a rúa Torrentes, Av. Arcadio Pardiñas, rúa das Flores, rúa Suafonte e Av. da Mariña. Anticipadamente, pedimos disculpas polas molestias que vai causar, xa que se tocan puntos críticos relacionados coa circulación viaria e o seu prazo de execución é de seis meses. A súa finalidade consiste nunha nova rede de saneamento para augas residuais e pluviais, coa conseguinte mellora no fincionamento da EDAR.

Máis se procederá inmediatamente a:
1.- Creación dunha nova zona de xogos infantís no Parque Rosalía de Castro, con novo mobiliario de xogos, que incluirá ao segmento de idade de 0 a 3 anos.
2.- Instalación de aparellos de ximnasia dirixidos aos nosos maiores nos diferentes parques e prazas do Concello.
3.- Estanse ultimando as negociacións para a creación dunha nova zona verde na área de influencia da rúa Suafonte.
4.- Levouse a cabo a tramitación dunha subvención ante o IDAE para a substitución das luminarias incandescentes dos semáforos por unhas novas de tecnoloxía LED, co que se conseguirá un aforro enerxético importante e necesario.
5.- Iniciaráse proximamente a reparación dos báculos semafóricos existentes no Concello, xa que se detectou unha falta importante ata o de agora na conservación e mantemento dos mesmos.
6.- Comezouse a implantar nas rúas Rosalía de Castro, Pardo Bazán, Av. Arcadio Pardiñas e rúa do Río zonas de carga e descarga para vehículos comerciais, coa conseguinte mellora na ordeación do tráfico.
7.- No ano 2008 comezarase un proxecto piloto que consistirá na recollida de cartón e papel porta a porta nos locais comerciais.
8.- Instauraráse no ano 2008 a gratuidade do Punto Limpo, co apoio dunha forte campaña subvencionada pola Consellería de Medio Ambiente acerca da importancia da súa utilización.
9.- Renovaránse a maior parte dos colectores de recollida de lixo, logo de ter detectado un importante deterioro na maior parte deles.
Todas estas iniciativas relacionadas coa recollida e limpeza, veranse complemendas cunha reordenación do contrato que o Concello está a renegociar coa empresa adxudicataria.
10.- A principios do 2008, procederase á renovación e instalación de novo mobiliario nas praias de O Portelo, O Cabaliño e A Marosa acordes coa costa e paisaxe galegas e así fuxir do feísmo que ata o de agora caracterizou a estas praias. Agradecer o apoio do Servizo Provincial de Costas en Lugo.

A nosa acción política e de goberno non rematará eiquí, xa que agora mesmo están en marcha outros proxectos e negociacións coas distintas Administracións do Estado (Provincial, Autonómica e Central), os cales nos permitirán e son necesarios para dar solucións aos problemas e carencias que agora mesmo se atopan no noso pobo.


O CONCELLEIRO-DELEGADO



Pascual Doménech Gruñeiro